Subvención concedida polo FEMP o C.M. de Mugardos
O proxecto “Proxecto deportivo de traíña feminina en Mugardos”, con número de expediente GAL2.058, do Club do Mar de Mugardos foi elixido para a súa financiación polo “Fondo Europeo Marítimo e de Pesca” dentro do programa “AXUDAS AUTONÓMICAS PARA PROXECTOS AO ABEIRO DAS ESTRATEXIAS DE DESENVOLVEMENTO LOCAL PARTICIPATIVAS” desenrolada polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ártabro Norte.
O proxecto que conta cun orzamento de 36.269,75€ (con I.V.E.) é financiado nun 90% (26.977,50€) polo FEMP.
O obxectivo do proxecto é: Fomentar a inclusión das mulleres no deporte tradicional do remo, mediante a súa participación na Liga Galega de Traiñeiras Feminina. A duración mínima do proxecto será de 5 anos.
As mulleres interesadas en participar poden poñerse en contacto co Club do Mar de Mugardos no email secretaria@clubdomarmugardos.com
Pódese consultar a memoria do proxecto no seguinte enlace.
Resultado da VI Bandeira Reganosa
Este pasado sábado 30 de xullo levouse a cabo a sexta edición da “Bandeira Reganosa” organizada polo Club do Mar de Mugardos coa inestimable colaboración de Reganosa, a que aproveitamos apara agradecerlle a súa colaboración durante todos estes anos.
Participaron na regata mugardesa os once equipos da Liga A da “Liga Galega de Traiñeiras 2016”: S.D. Samertolameu, C.R. Ares, C.R. Puebla, C.R. Coruxo, C.M. Castropol, C.M. Bueu-Teccarsa, C.R. Mecos-Mondariz, C.R. Chapela, Amegrove C.R.D.C., C.R. Vilaxoán e C.R. Salgado-Perillo.
A asistencia de público foi moi boa, como nos anteriores anos, facendo da Bandeira Reganosa unha das regatas con maior asistencia de público da liga. O tempo con claros e nubes foi marcado por un forte vento do nordeste, o que fixo os longos en contra do vento bastante duros.
Ó remate da competición faríase coa Bandeira a S.D. Samertolameu que afianzaba a súa posición como primeira clasificada da Liga A, a 7 segundos entraba C.R. Ares e xa a 22 segundos C.R. Puebla.
Resultado da Bandeira
POSTO | QUENDA | BOIA | CLUB | TEMPO |
---|---|---|---|---|
1º | 3 | 1 | S.D. Samertolameu | 21’01”.70 |
2º | 3 | 4 | C.R. Ares | +0:07.87 |
3º | 3 | 2 | C.R. Puebla | +0:22.88 |
4º | 3 | 3 | C.M. Castropol | +0:34.30 |
5º | 2 | 3 | C.R. Coruxo | +0:41.73 |
6º | 2 | 2 | C.R. Mecos-Mondariz | +0:47.09 |
7º | 2 | 4 | C.R. Chapela | +0:48.87 |
8º | 2 | 1 | C.M. Bueu-Teccarsa | +1:00.88 |
9º | 1 | 1 | Amegrove C.R.D.C. | +1:07.46 |
10º | 1 | 2 | C.R. Salgado-Perillo | +1:48.75 |
11º | 1 | 4 | C.R. Vilaxoán | +2:15.06 |
Unha vez que os árbitros comunicaron o resultado da Bandeira, Lucía García (Directora de Administración de Reganosa) entregáballe o patrón da embarcación de Meira a bandeira que os proclamaba como vencedores e Laura López Martínez (Responsable Xurídico e de Sostenibilidade de Reganosa) entregaballe o maiot de líder da Liga A.
Presentación da VI Bandeira Reganosa de Traíñas
Hoxe, 28 de xulio, realizouse na Casa do Concello de Mugardos o acto de presentación da VI Bandeira Reganosa de Traíñas. A bandeira disputarase o vindeiro sábado 30 as 8.00 horas no peirao de Mugardos. Na proba pertencente a Liga Galega de Traiñeiras participaran as 11 traíñas que disputan a Liga A.
No acto de presentación participaron Lucía García (Directora de Administración de Reganosa), Mónica Martínez Regueiro (Concelleira da Comisión de Benestar, Igualdade e Sanidade do Concello de Mugardos) e Guillermo Pereira Coto (Presidente do Club do Mar de Mugardos), tamén asistiu Paula Morgade Carnero (Concelleira de Iniciativa Cidadá de Mugardos).
A orixe viquinga das traíñas en Galicia
[Actualización 29/12/2015] Esta noticia foi unha inocentada. Ainda que moitos dos datos históricos son certos o referente as traíñas non.
É doado apreciar as similitudes entre entre as antigas naves de guerra escandinavas “drakkar” dos séculos VIII a XI e as actuais traíñas de competición e incluso isto faise máis evidente respecto as antigas traíñas de pesca ó contar con aparellos de vela moi parecidos os destas embarcacións. As dúas embarcacións de dimensións parecidas contan con cascos fusiformes moi afiados tanto en proa como en popa e aparello mixto de remos máis un ou dous paos con vela cadrada os drakkar e vela áurica, máis moderna, nas traíñas de pesca.
A influencia destas embarcacións en Galicia comeza coa primeira incursión viquinga datada en agosto de 844 onde entorno a cen embarcacións tripuladas por viquingos, ou como se lles denomina nalgunhas crónicas medievais “rus” é dicir remeiros, foron rexeitadas preto da Torre de Hércules.
Durante os séculos IX a XI Galicia sufriu importantes ondas de saqueos por parte destes guerreiros navegantes escandinavos. As “raffias” as costas galegas formaban parte de longas expedicións que levaba a estes “remeiros” dende Escandinavia recorrendo a costa atlántica europea e incluso chegando ó Mediterráneo.
No ano 1028 procedente de Dinamarca chega a Galicia o Jarl Ulv Galiciefarer (O lobo de Galicia) e despois de saquear un par de localidades costeiras comeza a traballar como mercenario para o conde Rodrigo de Romariz na súa revolta contra Bermudo III. Pese o seu éxito nos ataques ós mosteiros de Redondela e as illas de San Simón, Cíes e Toralla sufre cuantiosas baixas nos seus remeiros polo que vese obrigado a cubrir os postos vacantes con remeiros galegos. Despois de dez anos de exitosos pillaxes, nun ataque subindo pola Ría de Arousa, foi vencido e expulsado de Galicia polas tropas do bispo Cresconio.
Os homes que remaran para Ulv Galiciefarer vesen obrigados a volver os seus pobos de orixe; pero con eles levan as novas técnicas de remo e os deseños de embarcación aprendidos dos viquingos. Durante todo o século XI esténdense por Galicia un novo tipo de embarcación moi parecida o drakkar viquingo, a traíña.
Neste período fórmanse agrupacións gremiais de pescadores nos pobos costeiros para tripular estas novas embarcacións, traballando como mercenarios durante as diferentes guerras de sucesión ou incluso baixo o mando do arcebispo Xélmirez atacando e expulsando as novas incursións viquingas.
Durante o século XII a fama das traíñas galegas estenderíase polo norte de Europa recurrindo con gran frecuencia os Jarls viquingos (xa convertidos o cristianismo) a súa contratación como mercenarios. Desta forma as traíñas galegas baixo bandeira viquinga realizarían ataques en lugares tan distantes como Normandía, Lisboa, Cádiz, Dublín, Pisa, Constantinopla, Hangzhou ou Baltimore.
Novo sistema de análise de rendemento biométrico
[Actualización 29/12/2014] Esta noticia evidentemente foi unha inocentada.
De cara a vindeira tempada o Club do Mar de Mugardos contará cun novo sistema de análise de rendemento biométrico incorporado nas súas embarcación e bicicletas.
A aparición de novas tecnoloxías nos últimos anos permite a obtención de moitísima e importantísima información para os adestradores, o que lles permite obter mellores resultados e unha mellor preparación de cara a tempada.
Este novo sistema conta con sensores de forza nos toletes ou nas bielas das bicicletas, xiroscopios e sensores GPS para obter a máxima información en cada momento. O software de intelixencia artificial e os sensores son parte dun desenrolo da Universidade de Illinois que mediante unha colaboración coa UDC ofrece estes sistemas as empresas e clubs en Galicia. O software HAL-9000 (polas súas siglas en inglés Heuristically programmed ALgorithmic) é unha potente ferramenta capaz de analizar esta información en tempo real decidindo en cada momento cal é a mellor estratexia de cara á competición.
O software tamén conta cunha aplicación para móbil que instalase nos teléfonos intelixentes dos deportistas e monitoriza a sua actividade diaria e hábitos de alimentación, podendo desta maneira controlar mellor a preparación individual de cada un. A ferramenta HAL-9000 e capaz de tomar decisións polo ben dos integrantes da tripulación podendo advertir de condutas deportivamente contraproducentes ou hábitos de alimentación nocivos e en caso extremo chegando a descartar remeiros que contraveñan as directivas.
Nunha segunda fase de implantación, posiblemente de cara a tempada 2016, mellorarase o sistema con hardware IBM 7094 e con sensores biométricos con modo de funcionamento dúplex, capaces de recibir información e interactuar cos deportistas mediante descargas eléctricas de alto voltaxe. Incluso sería posible nesta fase prescindir da figura do entreador evitando así os bucles Hofstadter-Moebius sendo capaz o propio software de levar a cabo a preparación da tempada por él mesmo, sen intervención humana.
Para suavizar a resposta dos deportistas ante a posta en marcha do sistema, a interface vocal do mesmo contará coa voz dixitalizada do actual adestrador da traíña José Manuel Peláez “Pendo”.
Presentación da “IV Bandeira Reganosa”
Onte, xoves 17 de xullo, presentouse no salón de plenos do concello de Mugardos a “IV Bandeira de Traíñas Reganosa” patrocinada por Reganosa e organizada polo Club do Mar de Mugardos e a Liga Galega de Traiñeiras.
O acto de presentación foi presidido por D. Carlos Vales (Director de Operacións de Reganosa), D. Xosé Barcia (Alcalde de Mugardos), Dª. Pilar Díaz (Responsable de Deportes) e D. Guillermo Pereira Coto (Presidente do Club do Mar de Mugardos).
Na regata, que se disputará o próximo domingo 27 de xullo as 12.00 horas, competirán os oito equipos que conforman a Liga A da LGT: Amegrove, A Cabana, Chapela, Puebla, Vilaxoán, C.M. Mugardos, S.D. Samertolomeu e Ares. A regata percorrera unha distancia de 5556 metros divididos en 4 longos, dende o peirao de Mugardos ata o peirao carboeiro de Ferrol aproximadamente.
“A Bandeira Reganosa poráse en xogo o 27 de xullo” La Voz de Galicia [18/07/2014]
“Máis dun centenar de deportistas na IV Bandeira Reganosa” El Coreo Gallego [18/07/2014]
Competición LGTA (xornadas 2ª e 3ª)
Neste pasado fin de semana (5 e 6 de xullo) deu comezo a competición regular da LGTA na que xa se deu paso a competición en liña. O sábado disputouse a III Bandeira Nauta en Sanxenxo, compartindo escenario coa regata da Liga San Miguel, e o domingo a XXXI Bandeira Concello do Grove.
A regata do sábado estivo marcada por un mar moi movido con ondas rotas e provintes de varias direccións, o que fixo moi incomoda a remada das embarcacións. Estas condicións afectaron negativamente os tempos das rúas exteriores, sobre todo as horas máis próximas a baixamar que foi as 16.10. Na 1ª quenda Ares facía unha gran regata, adaptándose moi ben o estado do mar, e entrando a 21 segundos da traíña de Chapela. A traíña da Cabana entraba no último posto con grandes dificultades para manter o rumbo da embarcación.
Na 2ª quenda Samertolomeu pola rúa 1 mostrábase intratable e facíase coa vitoria, seguida de Vilaxoán e Amegrove. Entraba moito máis atrasada a traíña de Mugardos, pola rúa de fora, a máis dun minuto de Samertolomeu. A clasificación final quedaría 1º Samertolomeu, 2º Vilaxoán, 3º Amegrove, 4º Ares, 5º Chapela, 6º Mugardos, 7º Puebla e 8º A Cabana.
O domingo remouse a XXXI Bandeira Concello do Grove no porto deportivo de Pedras Negras. A condición do mar resultaba mellor ca do día anterior aínda que con refachos de vento de entorno 25 Km/H, un pouco máis intenso durante a 2º quenda.
A bandeira comezou coa disputa da regata da Liga Feminina, na que tras un problemático inicio no que Cabo da Cruz e Tirán non se decataban da baixada de bandeira e saían cun pequeno atraso. A orde de chegada separadas por cerca dun minuto cada traíña sería Samertolomeu, Cabo da Cruz e Tirán.
Na disputa da regata masculina na 2ª quenda Mugardos facíase con claridade co primeiro posto marcando un gran tempo, que lle permitiría disputar postos coas traíñas da 1ª quenda. A 25 segundos entraba Puebla, seguido de A Cabana e Chapela.
Na 1ª quenda Amegrove reinvidicabase na bandeira da casa e tras un primeiro longo en segunda posición facíase coa vitoria por diante de Samertolomeu. Por detrás entraban Vilaxoán e Ares cun tempo superior o marcado por Mugardos na anterior quenda. A clasificación xeral quedaba 1º Amegrove, 2º Meira, 3º Mugardos, 4º Vilaxoán, 5º Ares, 6º Puebla, 7º A Cabana e 8º Chapela.
Vendo os resultados das primeiras tres xornadas da LGTA, parece que estanse a formar 3 batallas: Samertolomeu e Amegrove na loita polo 1º posto; Mugardos, Vilaxoán e Ares na loita pola 3ª praza e Puebla, a Cabana e Chapela na loita por sair do posto de descenso directo.
Galería Fotográfica da III Bandeira Nauta en Sanxenxo [35 fotos]
Tempos da III Bandeira Nauta en Sanxenxo: LGT-A e Liga San Miguel
Galería Fotográfica da XXXI Bandeira Concello do Grove [49 fotos]
Tempos da XXXI Bandeira Concello do Grove: LGT-A e LGT Feminina
Retrasmisión da TVG da Bandeira de Sanxenxo
Traíñas en xogo do 06/07/2014
Presentación LGT 2014

Deu comezo este pasado sábado 28 de xuño a nova edición da LGT coa presentación da liga en Vila de Cangas, mediante unha regata en modalidade contrarreloxo. A regata acudiron os equipos da Liga A, Liga B e da Liga Feminina, a cal comeza este ano a sua andanza. Este ano a liga componse dos seguintes equipos:
- Liga A
- C.R. Amegrove
- C.R. A Cabana
- C.R. Chapela
- C.R. Puebla
- C.R. Vilaxoán
- C.M. Mugardos
- S.D. Samertolomeu
- C.R. Ares
- Liga B
- Vila de Cangas
- C.R. Rianxo
- C.M. Bueu
- Nautico de Boiro – Cabo B
- A.D. Esteirana
- C.C.D Cesantes
- C.R. Mecos – Mondariz
- C.R. Salgado – Perillo
- C.R. Coruxo
- Liga Feminina
- S.D. Samertolomeu
- Cabo de Cruz
- S.D. Tirán
O comezo da temporada pechouse cun gran resultado da traíña do Club do Mar que acadou o 3º posto na Liga A, por detrás de Samertolomeu e Amegrove. A traíña de Samertolomeu saía en primeiro lugar da tanda sen referencias e mantiña un gran ritmo durante todo a regata alzándose co triunfo a 20 segundos do equipo de Mugardos e tan só a 3 de Amegrove, que pese a contar coas referencias do seus rivais, ó saír na derradeira posición, non foi capaz de alcanzar o tempo marcado por Samertolomeu.
Na tanda da Liga B facíase co primeiro posto Mecos seguido a 5 segundos de Bueu e a 10 segundos de Perillo. Os catro primeiros clasificados da Liga B mostraron un gran nivel ó superar en tempos o 5º clasificado da Liga A, Ares.
Na Liga Feminina repetía no 1º posto Samertolomeu, a 9 segundos de Cabo e a casi 2 minutos da traíña de Tirán.
Ó rematar a regata celebrouse un acto no que participaron entre outros o Xefe do Servicio de Deportes de Pontevedra Daniel Benavides, o Alcalde de Cangas José Enrique Sotelo. o Presidente da LGT Andrés Fernández e varios deportistas das tripulacións participantes na LGT.
Galería Fotográfica da presentación [106 fotos]
Tempos da regata: Liga A, Liga B e Liga Feminina
Diario de Ferrol [29-06-2014] “Bronce mugardés en la regata inaugural de Primera División”
PC-Traíñas 2013
[Actualización 29/12/2013] Esta noticia evidentemente foi unha inocentada.
O club do mar acaba de firmar un convenio coa compañía de software “Bytes da Ría” para desenrolar un videoxogo de xestión deportiva sobre o mundo do remo.
O videoxogo que levará como título “PC-Traíñas 2013” porá ó xogador no papel de xestor dun dos equipos da LGT, tendo que xestionar tanto o apartado deportivo como organizativo da entidade.
Os xogadores terán que enfrontarse o reto de conseguir financiamento mediante empresas privadas ou subvencións publicas para así acadar o presuposto necesario para formar o seu equipo de ensoño.
No apartado deportivo terán que xestionar a canteira, fixaches, compra de material deportivo, desenrolo de novas tecnoloxías adicadas o remo e ampliación das instalacións do club. O xogo contará coas plantillas do ano 2013 de todos os equipos LGTA e LGTB incorporando a opción de realizar fixaches na ACT e ARC.
Un dos apartados esenciais da xestión dos equipos será a xestión da cantina de cada un dos clubs, influíndo a calidade do servizo e dos pinchos no estado de ánimo tanto dos socios como dos remeiros.
O xogo desenrolarase para as plataforma PC, PS4, Wii, Android, Super Nitendo e Comodore e con el o Club do Mar pretende fomentar a participación no deporte do remo das novas xeracións.