Presentación da sección de ciclismo

A historia dos “Pulpeiros BTT”

Érase unha vez…, alá polo ano 2008 un grupo de amiguetes mugardeses entusiastas da BTT, que tiñan bicicletas marca Decathlon e Maverick. Reuníanse asiduamente no parque da Rega na Seaña para rutear por todo tipo de montes e corredoiras. Uns amigos a quenes non lles importaba mancharse de lama, saltar e brincar entre as rochas, os charcos e os ríos,…. Caerse unha e mil veces e volver a subirse unha vez mais sobre a bici. Coller a bici fixera sol ou frío, chovese ou nevase. Chegar a casa cun algún golpe, rabuñadura ou descosido, iso non importaba. Participar nalgunha marcha, sufrir, rir, chegar á  meta sen importar o posto na clasificación, e abraiase pola fermosa natureza en todo o seu esplendor subido nunha bici.

Gracias a ese entusiasmo, a afección foi a máis e aquelas bicicletas deron paso a outras como as Trek, as Jamis, as Orbea ou as Giant. Outros ciclistas de montaña tan entusiastas como eles os coñeceron e surxiu unha gran familia “betetera”. Nese tempo, o ano 2009, un paisano mugardés, José coñecido como “Chante”, anima a participar ós mugardeses baixo maillot amarelo e o logo dun polbo montado en bicicleta, con o nome de Pulpeiros BTT. Surxe así a lenda …

Como a afección á BTT ía en aumento e eran moitos os mugardeses que demandaban un club, buscouse unha entidade con local social e con ximnasio que puidese levar a cabo ese soño, ¡un club de BTT en Mugardos!.

Vellos amigos de colexio, colegas e paisanos afeccionados ó remo e tamén ó deporte da bicicleta, esa era a xoven directiva do Club do Mar de Mugardos que estaba disposta a crear unha sección de ciclismo coa intención de potenciar este deporte.

Xunta xeral extraordinaria

Celebrouse o pasado domingo 14 de novembro a xunta xeral extraordinaria do Club do Mar de Mugardos. A xunta celebrouse na cantina do Club do Mar cunha boa participación de socios.
Na xunta repasouse o estado xeral do Club do Mar e aprobouse por unanimidade a incorporación de dúas novas actividades ó Club. Estas novas actividades corresponden a Pesca Responsable e Náutica de Recreo [Web da Federación] e a Ciclismo. Cabe destacar que o pasado verán xa se realizou dentro da actividade de ciclismo a “Primeira ruta de Verán” do Club do Mar cunha altísima participación de ciclistas de toda a comarca.
O final da xunta procedeuse atender as preguntas e suxerencias dos socios.

Fotos pertencentes a “Primeira ruta de Verán” do Club do Mar

Convocatoria de xunta xeral extraordinaria

Club do Mar de Mugardos
R/Cantón de Cora Nº16
15620 Mugardos (A Coruña)
TLF. E FAX: 981 470170
CONVOCATORIA DE XUNTA XERAL EXTRAORDINARIA DE SOCIOS/AS

De conformidad co acordo da Xunta Directiva celebrada o pasado 29 de outubro de 2010, convócase Xunta Xeral Extraordinaria de Socios/as do CLUB DO MAR DE MUGARDOS, para a súa celebración en Mugardos, na Cantina do Club do Mar, situado na Rúa Cantón de Cora, Núm. 16, O VINDEIRO 14 DE NOVEMBRO DE 2010 ás 11.00 horas, en primeira convocatoria; e ás 11.30 horas en segunda convocatoria no caso de non obterse quorum suficiente, co gallo de deliberar e, no seu, adoptar acordos sobre os asuntos incluidos na seguinte

ORDE DO DÍA 

  1. Estado xeral Club do Mar.

  2. Aprobala creación das seccións de ciclismo e pesca deportiva no Club do Mar.
3.  Rogos e preguntas.

Mugardos, a 31 de outubro de 2010.
O PRESIDENTE

Fdo. Don Guillermo Pereira Coto
NOTA IMPORTANTE: Debido á importancia do asunto a tratar requírese a presencia de todolos socios/as. 

Descargar a convocatoria en PDF