25 nov. 2010

Presentación da sección de ciclismo

A historia dos “Pulpeiros BTT”


Érase unha vez…, alá polo ano 2008 un grupo de amiguetes mugardeses entusiastas da BTT, que tiñan bicicletas marca Decathlon e Maverick. Reuníanse asiduamente no parque da Rega na Seaña para rutear por todo tipo de montes e corredoiras. Uns amigos a quenes non lles importaba mancharse de lama, saltar e brincar entre as rochas, os charcos e os ríos,…. Caerse unha e mil veces e volver a subirse unha vez mais sobre a bici. Coller a bici fixera sol ou frío, chovese ou nevase. Chegar a casa cun algún golpe, rabuñadura ou descosido, iso non importaba. Participar nalgunha marcha, sufrir, rir, chegar á  meta sen importar o posto na clasificación, e abraiase pola fermosa natureza en todo o seu esplendor subido nunha bici.


Gracias a ese entusiasmo, a afección foi a máis e aquelas bicicletas deron paso a outras como as Trek, as Jamis, as Orbea ou as Giant. Outros ciclistas de montaña tan entusiastas como eles os coñeceron e surxiu unha gran familia “betetera”. Nese tempo, o ano 2009, un paisano mugardés, José coñecido como “Chante”, anima a participar ós mugardeses baixo maillot amarelo e o logo dun polbo montado en bicicleta, con o nome de Pulpeiros BTT. Surxe así a lenda …

Como a afección á BTT ía en aumento e eran moitos os mugardeses que demandaban un club, buscouse unha entidade con local social e con ximnasio que puidese levar a cabo ese soño, ¡un club de BTT en Mugardos!.

Vellos amigos de colexio, colegas e paisanos afeccionados ó remo e tamén ó deporte da bicicleta, esa era a xoven directiva do Club do Mar de Mugardos que estaba disposta a crear unha sección de ciclismo coa intención de potenciar este deporte.